venres, 18 de decembro de 2015

xoves, 3 de decembro de 2015

25N MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. ALUMNADO DE 4ºESO

Os zapatos vermellos enchen as prazas; cantas nais, amigas, fillas, compañeiras.... que xa non voltarán.
Todos sabemos que amar non é posuír, que o amor non se demostra con ciúmes nin golpes, que ser home ou muller en parella non debería converter a ninguén en amo ou escravo.... pero aí están as cifras....48 mulleres asasinadas xa neste ano 2015, 48 vidas arrebatadas, 48 familias rotas, 48 historias non contadas....
“Nin un golpe máis, nin unha muller menos” ese é o lema máis escoitado nos últimos días. Pero entón ¿que é o que pasa? Se todos sabemos que non debería ocorrer ¿por que ocorre? ¿que estamos a facer mal? ¿ou que non estamos a facer ?
Existen multitude de organismos oficiais que están traballando a cotío en programas e medidas para intentar eliminar esta lacra pero quizais o maior dos problemas sexa que as mulleres se senten oprimidas, acurraladas, aterrorizadas e atrapadas de tal forma que a pesar de todo se ven incapaces de reverter esta situación; incluso, de pedir axuda.
O illamento, a incomunicación, a ruptura co círculo social e coa contorna, a dependencia económica e emocional, a sensación de culpabilidade, a idea de non romper a familia para non perxudicar ós fillos, a perda de liberdade, a perda de capacidade para tomar decisións por si mesmas, o medo, a soidade, o agochamento...... fan que sexa moi difícil rachar co silencio, ese silencio asasino que termina por converter a unha muller maltratada nun número desa lista de vítimas, que converte un 47 nun 48.

Este é o noso decálogo
1. Rompe as cadeas da opresión.
2. Non te deixes manipular, ti tes o control.
3. Non te rindas.
4. Non estás soa.
5. Di non ao medo.
6. Cóntao.
7. Hai saída.
8. Unha vida mellor é posible.
9. Non te culpes.
10. Non sexas un número máis.

Tantos lemas para reivindicar un dereito fundamental e natural do ser humano: ser libres, vivir sen medo!
Pero estes lemas non son suficientes, quizais se todos e todas puxésemos un pouco máis da nosa parte, se non mirásemos cara outro lado sería posible evitar o número 49?
Outra nai, outra filla, outra amiga, outra compañeira menos ...
Hoxe temos un soño....
Celebrar o vindeiro 25 de novembro como o primeiro aniversario da esperanza, dunha sociedade sen violencia de xénero.....
Oxalá o noso soño se faga realidade!!!
Aquí tedes o video do acto celebrado no Concello e ao noso alumnado de 4ºESO.